Friday 03 de May de 2024

A alcaldesa visitou co vicepresidente da Deputación e representantes da corporación local o rehabilitado muíño de Xuvia


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e a deputada provincial María Muíño, desprazáronse esta mañá ao muíño de Xuvia para realizar un percorrido polo muíño de Xuvia, unha vez rematadas as obras. Ao acto acudiron tamén os edís de Urbanismo e Obras de Narón, Manuel Ramos e Pablo Mauriz, respectivamente, os voceiros dos grupos do PSOE, David Pita; PP, Germán Castrillón, e BNG, Olaia Ledo e persoal da empresa adxudicataria dos traballos e da dirección de obra, se ben non puideron estar presentes os integrantes da AVV Altea, de Xuvia. A actuación está cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”). Ferreiro asegurou que “é un orgullo e, ao mesmo tempo, unha gran satisfacción ver o resultado deste traballo, un dos máis importantes a nivel patrimonial realizado non vou dicir neste mandato, senón na historia deste concello”, subliñou.

A alcaldesa agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña nesta actuación, “un feito que vén a demostrar unha vez máis que a colaboración entre administracións é fundamental e debe ser prioritaria á hora de executar determinadas obras ou ofrecer certos servizos que redundarán na mellora da calidade de vida e no benestar das nosas veciñas e veciños, supoñendo ademais un revulsivo turístico e económico para este concello neste caso particular”.

Pola súa banda, Xosé Regueira indicou que “dende o primeiro momento que se nos trasladou desde o Concello de Narón a solicitude de colaboración na rehabilitación dun dos muíños máis importantes do territorio galego que data do século XVIII, dende a Deputación entendemos que a proposta ateosouraba múltiples razóns para colaborar. Primeiro, pola importancia da propia obra de rehabilitación en si; segundo para complementar o esforzo doutras administracións; e terceiro polo interese público rehabilitación, que vai ter como beneficiarios directos a todos os naroneses e naronesas e indirectamente ao resto de poboación, porque se recupera un elemento de importancia histórica e etnográfica que fala claramente dunha época onde a economía da zona dependía de instalacións deste tipo e tamén porque fala da nosa historia industrial”. A maiores, sinalou que tamén hai que ter en conta “que esta actuación se sitúa no ámbito dun Camiño fundamental que é o Camiño Inglés, polo que tamén estamos contribuíndo a dar a coñecer o patrimonio histórico e singular que temos neste trazado a todas as persoas que o transitan”.

Finalmente, destacou a importancia de poder colaborar e deu os parabéns ao Concello de Narón por materializar este proxecto.

O proxecto do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, supuxo un desembolso de 1,25 millóns de euros, dos que a Unión Europea (FEDER) no marco da EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020” aportou 523.261 euros; a Deputación da Coruña 400.000 e o Concello os 330.305 restantes. “Grazas a esas achegas foi posible materializar este proxecto que nos permitiu recuperar por completo esta edificación, como xa dixen unha das de máis valor histórico da nosa cidade”.

A construción está formada polos dous muíños de Lestache, unha construción anexa con dúas moendas máis e a vivenda da familia Lestache e o seu despacho. As obras executadas permitiron instalar un ascensor, acondicionar a recepción, o patio de distribución, o corredoiro da vivenda, o miradoiro, a sala introdutoria, as salas Lestache, Polivalente, Muíños, Bucau e a Sala da Cultura Industrial. As moendas da construción funcionan como orixinalmente, o que supón un valor engadido polo que sempre se apostou con este proxecto de rehabilitación do muíño, datado do século XVIII, recalcou Ferreiro.

A rexedora local explicou que para completar este proxecto, darán tamén comezo o vindeiro ano as tarefas de musealización do muíño, orzamentadas en preto de 240.000 euros e que tamén estarán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco da EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, e o Concello neste caso. A actuación prevista posibilitará que no interior se poidan ver murais da factoría, mapas ilustrados, unha recreación de muíños de pedra, espazos informativos, vitrinas expositivas e outros elementos que reforzarán o valor dos traballos e o investimento a realizar na construción.

A alcaldesa reiterou o agradecemento ás administracións supramunicipais que colaboraron neste importante proxecto e tamén destacou o labor de todas e cada unha das persoas do Concello e das empresas que fixeron realidade esta obra.